quarta-feira, 10 de maio de 2006

O asteróide do PP

Acho que o programa que emite a TVG nas noites das segundas-feiras, "Hai Debate", é umha boa mostra do que representa a recente mudança de governo concretamente para a televisom pública da Galiza mas também para o debate político e social no nosso país. A simples existência do programa, e os temas que nel som tratados, descolocam aos representantes do Partido Popular, que jamais teriam favorecido debates abertos deste tipo, e de facto impedírom todo o que pudérom a existência de espaços de debate plural na Galiza.

Nos programas que tenho visto, percebim umha especial consideraçom por parte da apresentadora cos representantes do PP e umha tendência a interromper aos representantes do BNG, ainda que no último programa isto nom fosse tam manifesto. De resto, o da passada segunda-feira foi um debate similar aos prévios na posiçom incómoda e neutralizada do Partido Popular, incapaz de fazer com base em argumentos sólidos umha oposiçom séria ao BNG e ao PSdG, que sustentam o actual governo galego. E coa agravante de que nesta ocasiom, pola natureza dos temas tratados, que nom atingiam directamente ao labor do governo autonómico, era mais difícil que se centrassem, como noutras ocasiões, em tentar dar umha imagem de divisom e enfrentamento entre os representantes dos partidos governantes.

Umha eloqüente mostra desta clamorosa falta de argumentos do PP deu-na o seu deputado no Parlamento galego, Ángel Bernardo Tahoces, contestando com umha absurda e ridícula defesa dos EUA, as críticas feitas polo porta-voz do BNG nas Cortes Espanholas, Francisco Rodríguez, à política exterior desse país no Médio Oriente.





Pouco se pode acrescentar. Mas será que filmes como Armageddon podem danar o cérebro?

3 comentários:

Imeneo disse...

Coincido coa túa exposición. Con todo, o do asteroide é unha anécdota comparado coa diferenza existente entre Francisco Rodríguez e os demais, que non estiveron á altura das circunstancias.

Como ben dis, o programa é moi interesane, pero coido que debía retocarse o horario: non pode ser que esteamos até a unha e cuarto pendentes do Hai Debate un luns.

http://cousasdeimeneo.blogspot.com/2006/05/hai-debate-si-pero-por-favor-non-tan.html

Saúdos.

J. Manuel Outeiro disse...

É certo que nom há comparaçom entre Francisco Rodríguez e os outros representantes. Tahoces fizo o ridículo e Leiceaga estivo medíocre.

Mas Rodríguez abusou do seu habitual tom didáctico, nomeadamente discutindo co jornalista do ABC sobre a autodeterminaçom, e aí e noutras ocasiões mostrou pouco respeito polos turnos e pola equidade nos tempos de uso da palavra.

Se mal nom lembro, semanas atrás o programa começava meia hora antes...

Imeneo disse...

Outeiro poida que teñas razón cando dis que Francisco Rodríguez non respetaba os tempos de palabra, pero supoño que iría ben avisado que a presentadora corta a todo mundo cando un ainda está falando.

E a respecto do ton didáctico que empregaba co do ABC, e que non me estraña, o pobre, na primeira réplica que lle lanzou F.R. púxose colorado, viuse perfectamente na TV, e cando confundiu a Ría de Pontevedra co Río Lérez, F.R. foi moi, pero que moi respetuoso, con ese señor, que se chega a ser outro poñíao a caer dun burro.